Comunicación en relación co Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

O Informe de Patrimonio Cultural da Xunta, favorable a Altri, emitiuse en base a dous informes externos, contratados e pagados pola empresa, ao ex-presidente e ao actual tesoureiro de Icomos-España.

Comunicación en relación co Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

A Plataforma Ulloa Viva, unha vez consultado o expediente administrativo da DIA de Altri, posto a disposición na condición de parte interesada no mesmo, comunica o seguinte, en relación co Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC):

  1. O dito Informe da DXPC, favorable ao proxecto, e no relativo ao impacto patrimonial sobre o Camiño de Santiago, fundaméntase substancialmente en dous informes externos, contratados e pagados por Altri, que foron redactados por dúas persoas estreitamente vinculados con Icomos-España, Jordi Tresserras (ex-presidente) e Alonso Campanero (actual tesoureiro da súa xunta directiva), neste último caso como director de Proskene SLP.

    A DXPC acepta e dá por bos ditos informes (cuxas conclusións traslada e incorpora a dito informe da DXPC), sen que figuren no expediente nen conste a emisión por parte do persoal dos servizos técnicos da Consellería documentos de análise e valoración de ditos informes externos.

    Tamén sorprende especialmente que ditos informes externos foran emitidos inmediatamente despois dunha serie de encontros (e proposta pola DXPC de mesa de traballo entre a DXPC, Altri e unha representación de Icomos).
  2. Para a Plataforma sorprende que o informe da DXPC se subscriba o 04/02/2025, só 7 días hábiles despois de que Altri presentase por rexistro (23/01/2025) os últimos informes.

    Unha urxencia e unha presa que ven precedida por reiteradas presións e insistencia por parte da Consellería de Economía e Industria. Así, constan no expediente como desde a Consellería de Economía e Industria se solicitou reiteradamente a emisión por parte da DXPC do seu informe, a pesar de que desde Patrimonio da Xunta se insistise na complexidade do asunto.
  3. Para a Plataforma resulta inaudito e un desatino argumental que, por exemplo, no informe do Sr. Tresserras se considere como obxectivo conseguir que a cheminea (de 75 m e o elemento mais visible da factoría) se “convirta nun icono” e “elemento icónico” ou que o conxunto do complexo industrial sexa “un elemento arquitectónico atractivo.

    Unhas propostas tan desatinadas e incoherentes coa realidade dun proxecto que supón un atentado visual na paisaxe e campo visual do Camiño de Santiago.

    Nin as medidas propostas de apantallamento arbóreo nin outras de integración paisaxística poden paliar o que é un impacto negativo grave e irreversible sobre a integridade e valores do Camiño de Santiago e súa paisaxe e campo visual.
Creado o: 1/05/2025 | Etiquetado en: 2025 Maio