ICOMOS-España segue demandando un informe independente sobre o impacto patrimonial do proxecto ALTRI.
ICOMOS-España precisa que os informes emitidos (de impacto visual e patrimonial), presentados por Altri, foron alleos á súa organización.
A Plataforma Ulloa Viva solicita de Icomos-España a elaboración por dita organización dun informe de impacto sobre o Camiño de Santiago.
A plataforma veciñal Ulloa Viva acolle con satisfacción a recente declaración de ICOMOS-España relativa ao proxecto industrial promovido pola empresa Greenfiber SL (ALTRI).
Nun comunicado ICOMOS-España desvincúlase dos informes (de impacto visual e patrimonial) contratados, pagados e presentados por Altri ante a Xunta o 23/01/2025, e que fundamentaron, so 7 días hábiles mais tarde, o informe favorable á macrocelulosa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, de data 04/02/2025.
ICOMOS-España declara que os devanditos informes foron realizados a título persoal e privado, sen que a organización tivese participación nin asumise ningunha responsabilidade na súa elaboración.
Tamén precisa ICOMOS que dende unha xuntanza do 16/05/2024 non tivo mais comunicación oficial por parte da Xunta (ou de Altri), o que evidencia que todos os pasos posteriores (contratación, redacción e presentación por Altri dos informes mencionados) fixéronse á marxe de ICOMOS.
Agradecemos o feito de que ICOMOS-España exprese de novo a necesidade dunha Avaliación de Impacto Patrimonial independente, prestando especial atención aos efectos visuais e perceptivos, ao estudo de alternativas e á inclusión activa das comunidades locais no proceso. Esta demanda coincide plenamente coas reivindicacións que Ulloa Viva demanda desde o inicio do conflito.
Dende a Plataforma Ulloa Viva vimos de solicitarlle a ICOMOS- España a elaboración dun estudo sobre o impacto patrimonial da implantación do complexo industrial previsto por GREENFIBER, S.L. no Camiño Francés, de acordo cos criterios e directrices da Convención do Patrimonio Mundial.