Dende a plataforma veciñal Ulloa Viva, como parte interesada no procedemento administrativo relacionado co proxecto industrial Greenfiber SL (ALTRI), comunicamos que xa está dispoñible para a súa consulta pública na nosa páxina web o expediente completo do proxecto.
Poñemos a disposición da cidadanía esta documentación en nome da transparencia e do dereito á información, convencidos de que só con acceso a datos reais se pode exercer unha participación efectiva e responsable.
Tamén queremos compartir con orgullo que a nosa campaña de financiamento colectivo, lanzada a través da plataforma Goteo, superou os 60.000 euros en só 20 días, grazas á solidariedade de centos de persoas que se unen a nós na defensa dun rural vivo e con futuro. Esta resposta popular demostra que a defensa do territorio, da auga e do patrimonio non só é necesaria, senón que é profundamente compartida pola sociedade galega e máis alá.