PLATAFORMA VECIÑAL ULLOA VIVA
Esta plataforma nace da necesidade das veciñas e veciños para defendernos do que consideramos unha ameaza real á nosa maneira de vivir.
Altri, Greenalia e a Xunta de Galicia pretenden instalar pola forza unha macrocelulosa na nosa casa, decímoslles alto e claro, ALTRI NON, non hai trato, nin os chamamos nin os precisamos.
Manifestación 15D en Compostela
O proxecto de ALTRI- GREENALIA
Para os que aínda non coñezades o proxecto, este sería o resumo. Segundo o EIA feito polo promotor Greenfiber (ALTRI+ GREENALIA), o plan sería construir unha fábrica combinada, por un lado unha fábrica de celulosa soluble, con unha estimación de 400.000 toneladas de produción ao ano, e outra de lyocell, con unha produción de 200.000 toneladas ao ano. A extensión física a ocupar serían 360 ha, terá unha cheminea de 75 metros a 2 km do Camiño de Santiago, que botará ao día 8754 kg de gases contaminantes, entre os que se encontran óxidos nitrosos e óxidos sulfurosos. Terá unha canalización de 12,5 km. Os terreos son privados, pero grazas a ser nomeado “Proxecto Industrial Estratéxico” pola Xunta, esta empresa privada poderá expropiar os terreos e impoñer unha servidume na canalización de entre 10 e 6 metros de ancho. A materia prima que se precisa é eucalipto. Pretende captar 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Potodemouros e devolver a un tramo do alto Ulla 30 millóns de litros de vertido o día con 62.010 kg de substancias contaminantes como nitróxeno ou sultafos.
Coñecendo os datos anteriores, publicados polo propio promotor do proxecto, preguntar por que estamos en contra do proxecto de ALTRI-GREENALIA é como preguntar por qué estamos en contra de arrasar co corazón de Galicia, coa súa xente, co seu medio e co río Ulla, un río do que beben once concellos e nutre unha das rías máis produtivas do mundo, a ría de Arousa. Unha macrocelulosa como a que nos tentan impoñer pola forza ALTRI-GREENALIA non ten cabida no noso futuro e está moi lonxe do que nós consideramos progreso. Os veciños queremos deixar claro que protexeremos a nosa saúde, a nosa contorna e o noso río.
"Defenderemos a calidade de vida acadada polos nosos antecesores e deixarémosllela igual ou mellor aos nosos descendentes"
Terra
Ocupación de 360ha de terreo con características únicas, e 12,5 km de canalización, que atravesa rede natura 2000
Persoas
O proxecto preténdese levar a cabo pola forza, sen contar coa xente que vive na zona. Presentáronse 23000 alegacións en contra
Ría de Arousa
Aí acabaría o vertido da factoría, nunha das rías mais produtivas de europa. Menos auga limpa, e a que chegue, máis contaminada
Requerimento persoamentos
Para todxs aquelxs que estades recibindo os requerimentos enmendando a nosa lexítima solicitude de que nos recoñezan a condición de persoas interesadas nun procedemento administrativo, deixamos esta carpeta con modelos dispoñibles para facilitar a súa resposta. Tamén podedes elaborar modelo propio.
É importante que se respondan todos os posibles pois estásenos intentando silenciar e minimizar. Hai moitas maneiras de estar afectadxs. Altri é un problema de toda Galicia, polo que estamos no dereito de persoarnos.
Camiño de Santiago
Esta fábrica estaría situada entre os concellos de Santiso, Agolada, Palas de Rei e Melide, a menos de dous quilómetros do Camiño Francés, un dos principais motores económicos de Galicia e o seu principal recurso cultural e socioeconómico. Esta industria baséase no consumo desmesurado de auga e eucaliptos, cunha cheminea fumeante de 75 m de alto, co tránsito continuado de camións de grande tonelaxe, as 24 horas do día, todos os días do ano, ademais dos ruídos do proceso de fabricación, contaminación do aire e contaminación lumínica constante.
“Non imos parar ata botar a PESTE da nosa terra.”
As veciñas e veciños da Terras de Melide, Arzúa, Terras do Deza a Ulloa, etc, xa tomamos unha decisión: loitaremos xuntos en defensa do territorio e da nosa maneira de vivir.
ALTRI-GREENALIA : NON HAI TRATO QUERÉMOSVOS FÓRA