A Plataforma Ulloa Viva pide “empatía e autocrítica” á Xunta de Galicia

Lémbralle a Rueda que máis de 100.000 galegos “dixemos alto e claro que non queremos Altri, así que rectifique”

A Plataforma Ulloa Viva pide “empatía e autocrítica” á Xunta de Galicia

Palas de Rei, 19 de decembro 2024.- A Plataforma Ulloa Viva está a asistir desde o pasado domingo a declaracións por parte de membros da Xunta de Galicia que “teñen provocado indignación” entre os milleiros de persoas que participan activamente na loita contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Desde Ulloa Viva consideran “unha falta de respecto” os “continuos desprezos e mentiras” que este colectivo está a escoitar do Goberno galego. Aseguran desde a Plataforma que “resulta incomprensible nun goberno” que a única resposta á petición de máis de 100.000 persoas nas rúas de Compostela sexa “seguir adiante a toda costa, sen un mínimo de autocrítica, e sen escoitar ao pobo, anunciar prazos e informes favorables a Altri e dicir que non falaron con nós porque non o pedimos”. Diante desta “grave e irrespectuosa actitude” da Xunta, a Plataforma Ulloa Viva recoméndalle ao presidente da Xunta e ás súas conselleiras “que revisen o seu correo desde o ano 2022”, en que Ulloa Viva comezou a pedir ao goberno galego que acudira a Palas de Rei a explicarlle á veciñanza o proxecto de Altri.

Antes e despois da campaña electoral das pasadas eleccións autonómicas de febreiro de 2023, a Plataforma ten pedido reunións con todos os grupos políticos, co presidente da Xunta e distintas consellerías, ademáis de varios ministros e membros do Goberno do Estado. Co novo Parlamento constituído representantes de Ulloa Viva mantiveron reunións no Pazo do Hórreo con todos os grupos políticos presentes na Cámara Galega. “Tamén o fixemos en Bruxelas e no Congreso dos Deputados”, explican.

Nestes dez meses de insistencia en pedir reunións e información para contrastar datos e opinión, a Plataforma Ulloa Viva só acadou da Xunta que o pasado mes de xullo un director xeral da Consellería de Economía recibira a dous membros da plataforma, logo dunha petición dirixida á conselleira Lorenzana. “Esa foi a única resposta ás insistentes peticións a distintas instancias da Xunta, do presidente para abaixo, que levamos meses facendo”.

A Plataforma sí se reúne con todos os colectivos, organismos e persoas que así o solicitan. De feito, fai dous meses dous representantes da Confederación de Industrias Téxtis de Galicia (Cointega) pediron manter unha reunión de traballo coa plataforma para intercambiar opinións sobre o proxecto e entender a contestación social e científica. En dita reunión, tanto o señor Alberto Rocha, como o exconselleiro do PP Javier Guerra “demostraron tanto a súa empatía coa veciñanza como o seu absoluto respeto por un movemento veciñal apartidista. Intercambiamos opinións e informes e coincidimos en que a nivel económico a macrocelulosa de Altri non tería vinculación directa co sector téxtil, senón que actuaría coma unha illa coas súas propias dinámicas”.

“Esto é o que fai un responsable político ou empresarial diante de calquera cuestión que acade a dimensión de Altri-Greenalia”, explican desde a Plataforma. “E esto sería o que tería que facer calquera política responsable que sabe do malestar dun sector que é da súa competencia. Chamar e reunirse cos cidadáns aos que supostamente representa, e intentar entender a súa postura en vez de mentir co fin de ningunealos”.

Oídos xordos a todo

A pesares das alegacións, as manifestacións, mobilizacións e peticións de reunións a Plataforma Ulloa Viva “lamenta” que a resposta do goberno do señor Rueda segue a ser a mesma “tirar para adiante primeiro faltándonos ao respecto, intentando politizar a mobilización e agora facendo como se non existíramos”. A Xunta mandoulle á Plataforma Ulloa Viva un dos seus requerimentos para que o colectivo xustificara o seu “interese” na tramitación de Altri, “ quérennos negar ser parte interesada, pedimos os informes técnicos que a Xunta leva meses filtrando á prensa e negándonolos”.

Logo de ter celebrado o domingo unha manifestación histórica e pacífica en Santiago, a única resposta que recibimos do goberno do señor Rueda é anunciarnos a través da súa conselleira de Medio Ambiente que “os informes do seu departamento están listos e son positivos para Altri”, e da súa conselleira de Economía que “teñen todo preparado para dar unha resposta a Altri antes de que remate o ano”. A plataforma pregúntase onde quedan as veciñas, que valor teñen para a xunta e aclaran: “insisten na implantación pola forza que nunca será” A Plataforma Ulloa viva pídelle ás Conselleiras de Economía e Industria e Medio Rural e mesmo ao presidente da Xunta, “que cumpran coa súa palabra”, din que queren informar de maneira veraz, que non temos os datos correctos “pois ben, manteñamos unha reunión para contrastar os datos arredor do proxecto cando, como e onde queiran”. Explican en Ulloa Viva que “si tan seguros están do que están a facer non deben seguir ignorando á veciñanza, terán que escoitarnos e decirnos á cara co Estudo de Impacto Ambiental do proxecto enriba da mesa, que Altri non vai esgotar os nosos recursos naturais, non vai contaminar o noso aire e a nosa auga, que non vai inzar de eucaliptos o noso territorio, que non vai afectar a nosa produción agrogandeira, e que non vai a matar a produción da Ría de Arousa, “e en definitiva, que non nos vai obrigar a vivir peor”.

Para rematar, a Plataforma Ulloa Viva esíxelle a Rueda e ao seu goberno “respecto, empatía co sufrimento que este proxecto nos causa, un pouco de humildade e algo de autocrítica sobre a súa maneira de proceder para con nós”.

Comparte