Máis de 100.000 persoas colapsan Santiago ao berro de “Altri Non”

-Marta Gontá: “Mandamos unha mensaxe moi clara a Altri, á Xunta e a Greenalia, non hai trato” -Xaquín Rubido: “A Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país”

Máis de 100.000 persoas colapsan Santiago ao berro de “Altri Non”

Compostela, 15 de decembro 2024.– Máis de100.000 persoas abarrotaron hoxe as rúas de Santiago –desde a Alameda ata a Praza do Obradoiro- convocadas polas Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) baixo o lema “A Xunta non pode calar a todo un país. Altri Non!”. A cantidade de xente presente en Compostela obrigou á organización a baleirar e encher o Obradoiro en dúas ocasións e o manifesto tivo que ser lido dúas veces, mentres o Obradoiro ateigado, parte da mobilización estaba aínda na Alameda na saída da marcha, unha hora despois do comezo da manifestación a Alameda seguía ateigada de xente cara ao Obradoiro. Trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige.

Na Alameda, antes de comezar a marcha, Marta Gontá explicou que “estamos aquí para mandar unha mensaxe moi clara: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpe e auga limpa. E non é negociable”. A presidenta de Ulloa Viva dirixiuse directamente a “Altri, a Xunta e Greenalia” para dicirlles que “non hai trato, o noso legado e o futuro das nosas fillas non é negociable”.

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, dixo na Alameda de Compostela, que “a Xunta de Galicia non ten o consenso social para impulsar e impoñer a celulosa de Altri”. Recalcou Rubido que “impoñer a celulosa de Altri é actuar contra o conxunto da sociedade galega”. Lembrou o presidente da PDRA que “a Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e o sector agrogandeiro e turístico”.

Logo da campaña emprendida pola Xunta de Galicia en defensa da empresa Altri contra a cidadanía, o rexeitamento do PP no Parlamento á ILP para declrar de interese xeral o sector tradicional do mar e o veto cos votos do PP e a extrema dereita europea (Patriots for Europe) para impedir que a Plataforma estea en xaneiro en Bruxelas explicando a nosa posición e mesmo que se fale de Altri no Europarlamento, porque segundo asegura o PPE nun escrito “este tema non preocupa á sociedade galega”, os voceiros das dúas plataformas convocantes deixaron claro que “aquí está a sociedade galega que non vai deixar que a calen, nin en Santiago nin en Bruxelas”. Gontá e Rubido convidaron ao PP e á Xunta a que “si tan claro teñen o bo que é o proxecto da macrocelulosa amplíen os prazos de alegación e deixen que se debata na sociedade e poidamos decidir libremente”. Porque a Xunta non está lexitimada para mudar o modelo produtivo deste país xa que o PP non o plantexou nas eleccións autonómicas”.

A convocatoria da manifestación levou hoxe a Santiago máis de 40 autobuses fletados pola veciñanza, concellos, asociacións e outros colectivos que levan meses apoiando esta loita veciñal. Todos os “grupos vivos” que levan case un ano traballando nos distintos concellos contra a macrocelulosa, asociacións, produtoras, colectivos ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos encheron Compostela dun “berro en defensa do noso territorio, do noso modelo de país, o noso pasado, presente e futuro”, con pancartas e mesmo un río Ulla cunha tea de 150 metros que levou a Santiago o impacto real desta macrocelulosa en todo o territorio “da Ulloa á Arousa”.

Manifesto no Obradoiro

Nunha praza do Obradoiro ateigada de xente, que se quedou pequena para que entraran todos os manifestantes que hoxe acudiron a Santiago, Leti da Taberna e Lois Pérez deron a benvida aos milleiros de persoas asistentes. No escenario – colocado na praza debaixo do despacho da Xunta de Galicia no Pazo de Raxoi- a mariscadora de Carril María Porto, a bateeira de Vilanova Marta Juncal, a bibliotecaria de Antas Teresa Batán e Ximena de Agolada, deron lectura ao manifesto.

“Hai un ano recibíamos a noticia, Altri é unha sombra que sobrevoa a terra do medio, e pretende botar raices nas nosas comarcas como unha mala herba e chuchar a nosa auga e verter a súa merda ao río e á atmosfera de por vida -75 anos-. O proceso administrativo para captar as augas e verter a merda comezaba”, explicaron, sinalando que daquelas “na Xunta estaban seguros que tiñan todo ben atado e os feixes de cartos repartidos, neste conto os beneficiados son unha minoría de privilexiados que queren botarnos do noso territorio”.

Repasaron no manifesto este ano de loita, “a cada mes que pasaba, eramos mais as voces que berrabamos contra o proxecto de Altri-Greenalia”, desde aquelas as manifestacións de Palas de Rei, a Ría de Aousa e o Arrodea San Caetano, tamén se referiron ás máis de 23.000 alegacións ao proxecto e ao informe do Consello da Cultura Galega do pasado mes de setembro. Lembraron que hai dous meses o PP votou en contra de admitir a trámite no Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular para recoñecer o interese xeral da pesca de baixura, o marisqueo e o mexillón “mais non teñen reparos en declarar proxectos estratéxicos a ALTRI ou á mina de Touro, porque non queren que esteamos en pe de igualdade con eles, para así poder explotar os nosos recursos despregando unha estratexia de extractivismo colonial”.

Referíronse tamén aos requerimentos que a Xunta leva meses mandando aos alegantes cuestionando a condición de “interesados” no procedemento, mais advertiron “que non perdan o tempo! Nin nos van calar, nin nos dan medo!”. Cuestionaron os 250 millóns de euros de cartos públicos para o proxecto, que “servirían para sanear as rías e rexenerar os bancos marisqueiros” e alertaron de que a contaminación de Altri no Ulla “afecta á calidade da auga potable que bebemos 145.000 veciños e esa contaminación do río Ulla chegaría “en 24 horas á ría de Arousa”

As lectoras do manifesto deixaron claro logo destes meses de loita que “Altri é un proxecto contrario á creación de emprego digno, a sustentabilidade económica e social porque atenta contra todos os sectores económicos e produtivos do mar e do agro que xeramos riqueza social”. Advertiron que “o berro de Altri Non, será cada vez máis forte porque defendemos a nosa dignidade e o noso dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”. E concluíron que “non somos terra de sacrificio, a lexitimidade está da nosa parte, da parte do pobo. Ningunha mordaza nas nosas bocas. Todas xuntas, porque esta loita berrará sempre : ALTRI NON”.

Ao remate da lectura do manifesto comezou a música para celebrar de novo a unión e o apoio de todo o país, “da terra e do mar” xuntos contra a macrocelulosa. O Coro Encaixe e as Músicas da Ulloa encheron o Obradoiro de emocionantes argumentos cantados contra o proxecto.

Comparte