A Plataforma Ulloa Viva, aberta a todas as “aliadas” na loita contra Altri

“ninguén se salva só, só nos salvamos xuntas, Altri Non”

A Plataforma Ulloa Viva, aberta a todas as “aliadas” na loita contra Altri

Juan Pedro Sánchez, Ana Otero e Serxio Núñez son o presidente, secretaria e tesoureiro elixidos en asemblea xeral o 5 de xullo

Palas de Rei, 16 de xullo 2025.– A Plataforma Ulloa Viva celebrou o pasado 5 de xullo en Palas de Rei unha asemblea xeral de socios e as súas primeiras eleccións democráticas ás que estaban convocados os máis de 1.700 socios. Como resultado das votacións, resultou elixida unha das dúas candidaturas que optaban á Xunta Directiva, a encabezada por Juan Pedro Sánchez (Presidencia), Ana Otero (Secretaría) e Serxio Núñez (Tesourería). O novo presidente da plataforma é educador social e veciño de Antas de Ulla, a secretaria é funcionaria e tamén veciña de Antas e o tesoureiro é docente e veciño de Visantoña (Santiso).

A xunta directiva electa o pasado 5 de xullo está a traballar intensamente tanto no traspaso de poderes en colaboración coa anterior, coma nas liñas e estratexias de futuro no fin único da Plataforma Ulloa Viva: a loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. Con este obxectivo, a Secretaria da Xunta Directiva, Ana Otero, explica nunha comunicación enviada aos socios o “concepto aperturista” da plataforma “co obxectivo principal de que o Proxecto Gama non se instale na Ulloa”. Por iso sinala Otero “consideramos a calquera persoa ou calquera organización que comparta con nós este obxectivo como un aliado na nosa loita”.

Pola súa banda o tesoureiro, Serxio Núñez, lembra na mesma comunicación da xunta directiva aos socios que “a Plataforma é apartidista e non fará proselitismo de ningún tipo de ideoloxía más aló que da confrontación do Proxecto Gama e das políticas en contra do territorio”. O presidente, Juan Pedro Sánchez, sinala que “as e os socios recibirán informacións periódicas das actividades realizadas e as accións e propostas” e destaca que, como non podía ser doutro xeito “responderemos a calquera das demandas de información que nos propoñades”. A Plataforma Ulloa Viva ten clara unha mensaxe que ten que guiar esta loita até afastar de xeito definitivo a ameaza de Altri do territorio, “ninguén se salva só, só nos salvamos xuntas, Altri Non”.

Creado o: 16/07/2025 | Etiquetado en: 2025 Xullo