AUGA
O TRATAMENTO DA AUGA NO PROXECTO GAMA
Detracción de auga
De cara a extracción captación, devolución e perda de auga á cunca hidrográfica do río Ulla, os informe do proxecto GAMA apoiouse na memoria do terceiro ciclo de planificación hidrolóxica (2021-2027), a cal considera os impactos do cambio climático nos recursos hídricos a partir de metodoloxías empregadas polo CEDEX. En dita memoria sinálase que das proxeccións climáticas obtivéronse os mapas mensuais de precipitación e evapotranspiración potencial (ETP) para varias proxeccións, que son a entrada do modelo hidrolóxico de SIMPA, empregado polo Proxecto GAMA. Dito modelo calcula os recursos hídricos naturais da demarcación Galicia-Costa como base para elaborar o Plan Hidrolóxico. A memoria sinala que “o resultado, en xeral, prognostica unha redución de recursos hídricos que se irá acentuándose conforme avance o século XXI, polo que será máis acusada no último período de impacto (2070-2100)”, e prosigue aclarando que se observa “(...) unha tendencia a aumentar os recursos hídricos nos meses ao redor de febreiro, en detrimento de os meses de verán”.
En relación con isto, no informe do proxecto GAMA sinálase que a fábrica precisa dunha captación de 46.000 m 3 /día do encoro de Portodemouros, retornará un vertido de 30.000 m 3 /día de efluente ao mesmo encoro (xusto na cola do embalse e augas arriba da captación). Este balance supón unha detracción (perda) de 16.000 m 3 /día. Atendendo a estes datos, no documento do proxecto GAMA, sinálase que “as porcentaxes que representan estas retiradas de GREENFIBER respecto das achegas medias da masa de auga son inferiores ao 1% durante 9 meses do ano, entre o 1% e o 2% nos meses de xuño e xullo, e en torno ao 2% nos meses de agosto e setembro. Considérase que un descenso inferior ao 2% non constitúe un impacto ambiental significativo na masa de auga do encoro e tamén é compatible co Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, segundo se analiza no citado apartado 5”.
Confereracións Hidrográficas
Situaráse dentro de Galicia-Costa
Cunca do Ulla
A captación e vertido farase sobre o río Ulla, que nace na Ulloa e desemboca na ría de Arousa
Masa de auga
A captación será sobre o embalse de Portodemouros a 12.5 km da fábrica
Os cálculos que presenta o informe do proxecto GAMA suscita varios problemas:
a) Xógase nun escenario de máxima bondade para a empresa solicitante, é dicir, estase a supor que sempre se van a devolver os 30.000 m 3 . Calquera variación na cantidade do vertido non vai a ser un “máis-menos”, sempre será un “menos”. Se baixamos dun retorno inferior aos 30.000 m 3 , isto, consecuentemente, afectaría á detracción, que superaría os 16.000 m 3 /día.
b) Os 16.000 m 3 /día de retracción son comparados contra o volume total dunha masa de auga alterada, polo que non se adapta aos ritmos hidrolóxicos do río, sendo especialmente crítica a situación durante o estío, momento no que os caudais baixan dun xeito moi acusado. Máxime se temos en conta as previsión que sinala a propia memoria de Galicia-Costa da que o proxecto fai uso.
c) Desde unha perspectiva temporal, a perda de 16.000 m 3 /día faise contra o total mensual, sen baixar a escala a niveles diarios. Isto supón traballar novamente contra un volume final e a valores constantes, sen considerar as necesidades do sistema fluvial a unha escala de máis detalle (diaria). Tal é así que podemos facer o simple exercicio de trasladar eses 16.000 m3 e poñelos en contraste cos datos do río Ulla antes xusto de ser embalsado. A situación cambia, especialmente se tomamos os datos do ano máis seco da serie de caudais do Ulla (2016-2017): esa detracción suporía para o mes de setembro unha perda do 37% do seu caudal. Se facemos a comparativa co río Furelos (cunca de 152 km 2 ; 50 km 2 máis que o concello de Agolada e 50 km 2 menos que o concello de Palas de Rei), o seu caudal para ese mesmo ano hidrolóxico e no mesmo mes veríase reducido nun 62%. Pero o asunto é máis grave se o pasamos a escala diaria para o ano máis seco da serie. No caso do Furelos, por exemplo, tería 16 días onde o río perdería máis do 80% do seu caudal, chegando nalgún caso case ao 90%. Se facemos a comparativa co río Ulla, teríamos días onde perdería case o 40% do seu caudal. Estas perdas daríanse, ademais, no estío, o cal é aínda máis grave. Pero o horizonte climático vai na liña de máis anos así. Estes datos poñen de manifesto o non tratamento do río como un sistema fluvial, se non cunha visión utilitarista “troceada” en tramos.
d) Os datos que emprega o proxecto GAMA son dunha modelización, non son datos observados. Certo que son os datos oficiais, pero non son considerando todos os cambios que o eucalipto vai a traer para o territorio. O incremento do eucalipto vai a cambiar a relación entre precipitación e caudal, que é no que se basea o modelo dos que tomaron os datos. A este aspecto debemos sumarlle o acusado quentamento do Planeta e a distribución das chuvias, as cales tamén apuntan a un cambio, con maior incidencia da estiaxe e seca.
DIRECTIVA MARCO DA AUGA E BO ESTADO DAS MASAS DE AUGA
A masa de auga ES-014-MR-244-000-03-00, correspondente ao encoro de Portodemouros está clasificada como moi modificada, considérase que presenta un bo estado químico pero un potencial ecolóxico moderado, debido ás concentracións de fitoplancto, fósforo, baixa transparencia e baixas concentracións de osíxeno, o que fai que sexa clasificada como de “estado total peor que bo”. A instalación da industria supón ir en contra directa da Directiva Marco da Auga 2000/60/CE e non vai a contribuír a saír dese estado total “peor que bo”. No seu Artigo 1, sinálase que é obxecto da Directiva establecer un marco para a protección das augas superficiais continentais, as augas de transición, as augas costeiras e as augas subterráneas que:
a. Evite unha maior deterioración e protexa e mellore o estado dos ecosistemas acuáticos e, con respecto ás súas necesidades hídricas, dos ecosistemas terrestres e das zonas húmidas dependentes directamente dos ecosistemas acuáticos.
b. Promova o uso sostible da auga baseado na protección a longo prazo dos recursos hídricos dispoñibles.
c. Protexa e mellore o medio acuático, incluso mediante medidas específicas para a redución progresiva das verteduras, emisións e perdas de substancias prioritarias, e mediante a interrupción ou eliminación gradual dos vertidos, emisións e perdas de
substancias perigosas prioritarias.
Nesta liña, a Directiva elaborouse de acordo a varios postulados, habendo dous especialmente relevantes: (1) “A auga non é un ben comercial como outros, senón un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal”, e o número (4) “As augas da Comunidade están sometidas a unha presión crecente derivada do continuo crecemento da demanda de auga (...) a Axencia Europea de Medio Ambiente presentou un estudo actualizado sobre o estado do medio, no que se confirma a necesidade de adoptar medidas de protección das augas comunitarias tanto en termos cualitativos como cuantitativos”.
Estado embalse Portodemouros época estival
Nun contexto de cambio climático e de escaseza de auga, O proxeto de ALTRI-GREENALIA, non ten cabida por moitos motivos, pero especifícamente a captación e vertido sobre este encoro non é razonable. Portodemouros leva anos provocando alarmas por eutrofización e produción masiva de cianobacterias con neurotoxinas e hepatotoxinas; a temperatura da vertedura diminuiría a cantidade de osíxeno disolto na auga e ademais botaríanse grandes cantidades de materia orgánica que consumirían moito osíxeno na súa degradación aeróbica; ambos factores provocarían unha eutrofización do encoro que xa non estaría vencellada á época estival, senón que se ampliará aos meses do ano nos que non chova dabondo. As toxinas que están no interior das cianobacterias circularían polo río afectando ao seu ecosistema, ao gando e á poboación, xa que río abaixo hai tomas de auga potable para uso doméstico que dan servizo aproximadamente a 145.000 habitantes de diferentes concellos aos que hai que sumar a poboación estival. Ademáis a calidade da auga que vai chegar a ría de Arousa será menor e de menor calidade, afectando de maneira directa a biodiversidade e a produtividade de mariscos da ría.