
Estrea da película “O Ulla Si”, 27 de abril en Agolada
Abril 27 @ 12:00 - 13:30

Domingo 27 de abril, 12:00 horas. Agolada (Auditorio Municipal de Agolada).
Tras meses de proceso participativo de organización, gravación e post produción, chega a estrea mundial de “O Ulla Si”, un proxecto audiovisual da Fundación Entretantos (coa colaboración de Agrocuir e Plataforma Ulloa Viva) para repensar o presente e futuro do Ulla.
Esta película nace dunha reflexión colectiva nas comarcas galegas da Ulloa, Terras de Deza e Terras de Melide. Todas elas son áreas afectadas polo proxecto de Altri e Greenalia, que pretende instalar unha macrofábrica de celulosa.
A través de diversos materiais e linguaxes audiovisuais, captura as paisaxes, os pensamentos e as vidas do territorio con sinxeleza e honestidade. As voces e a memoria oral, que flúen ao longo do documental como o propio río Ulla, son a alma deste relato colectivo.
Este é un convite para todas as persoas que participastes de calquera xeito neste proceso participativo: a través do envío de fragmentos de vídeo, de entrevistas, de conductores polo territorio, etc.
Este documental enmárcase dentro da Escuelaboratorio, un proxecto de reflexión colectiva sobre participación social promovido pola Fundación Entretantos, que se desenvolve desde hai anos co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.