BIODIVERSIDADE
AFECCIÓN A BIODIVERSIDADE DO PROXECTO GAMA
Estado de conservación das terras propostas para uso industrial por Altri nas parroquias de Remonde e Ramil (Palas de Rei).
Segundo o proxecto de captación de aguas en exposición pública desde o pasado 26 de decembro, Altri pretende ocupar, para uso industrial, aproximadamente 366 ha no suroeste do concello de Palas de Rei, prácticamente limítrofes cos concellos de Santiso e Agolada. A parcela proposta para uso industrial, linda coa Zona de Especial Conservación ZEC Serra do Careón (espazo Rede Natura 2000, ES1110014), pola súa marxe oeste.
Tamén cabe destacar que as tubaxes ata o embalse de Portodemouros terían un recorrido de 12,5 km, atravesando Rede Natura 2000. Por outra banda, habría que ter en conta as tubaxes de vertido tanto de obra como o definitivo, todo elo afecta tamén de maneira direta a hábitats, flora e fauna.
Hábitats
A parcela considerada de uso industrial non afecta directamente a núcleos de poboación humana, apenas algunhas granxas porcinas máis as propias construcións da finca de Quintas (122 ha no Concello de Palas).
No contexto da finca de Quintas, hai máis superficie (absoluta e relativa) de Hábitats de Interese Comunitario na parte de Palas (sen protección) que na de Santiso (ZEC da Rede Natura), destacando case 45 ha de prados seminaturais non contemplados na cartografía do visor da Xunta.
No resto da superficie “de uso industrial” atópanse máis de 75 ha de cultivos forestais (piñeiros e eucaliptos) e case 28 ha de cultivos agrícolas. O resto son hábitats naturais, xa documentados pola Xunta.
Destacan os afloramentos rochosos siliceos serpentiníticos, con comunidades que só se atopan aquí e na Serra da Capelada, situada no extremo Norte da Coruña, e que conteñen plantas endémicas estricas e globalmente ameazadas, tres delas catalogadas oficialmente En perigo de extinción en Galicia (Decreto 88/2007). O tipo de matogueira seca existente, uceira con toxos da asociación Ulici europaei-Ericetum scopariae, tamén é exclusiva desta área serpentinítica, aínda que abundante e ben distribuída.
Non identificado na cartografía da Xunta de Galicia, encóntrase completamente afectado pola parcela industrial o único sobreiral existente na Ulloa (Hábitat de Interese Comunitario cód. 9330, “sobreirais de Quercus suber ), de aproximadamente 1 ha.
Ubicación exacta da macrocelulosa en vermello
Flora
O maior interese radica en catro especies endémicas estrictas, que en todo o mundo só se encontran nos afloramento serpentiníticos do centro de Galicia. Tres delas están moi localizadas e en declive pola destrución do seu hábitat, polo que están catalogados En perigo de extinción en Galicia (Decreto 88/2007): Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis. As categorías de ameaza na Lista Roja de la Flora Vascular de España (Moreno, 2011), auspiciada polo Ministerio de Medio Ambiente e seguindo os criterios da IUCN, son En perigo Crítico (A. merinoi y S. melidensis) e En perigo (L. gallaecicum). Unha cuarta especie endémica estricta, Centaurea gallaecica, está catalogada como Vulnerable en Galicia, mesma categoría que na citada Lista Roja.
Todas elas presentan importantes poboacións na superficie afectada, mesmo aínda estando sen prospectar a maior parte da finca de Quintas.
Seguindo criterios de endemicidad ibérica e categoría de ameaza, o Libro Rojo de la Flora vascular de España, editado polo Ministerio de Medio Ambiente en 2003, identifica territorio das serpentinas de Melide como área moi importante, baixo o nome Serra do Farelo. Porén, coas especies localizadas nos últimos anos, pasaría a considerarse área excelente, só por detrás doutros catro lugares sobresaíntes da España peninsular: Sierra Nevada, Sierra de Cazorla y Sierra de Gádor.
Ademais, na área afectada encóntranse importantes poboacións doutras plantas moi escasas en Galicia, algunhas das cales mesmo cumprirían os criterios para ser consideradas ameazadas en dito ámbito e que, caso de ser estudadas, poderían constituir taxones endémicos diferenciados:
- Koeleria rodriguez-graciae (descrita en 2014), exclusiva destas serpentinas, do Courel e das serpentinas de Tras-Os-Montes.
- Armeria langei, endemismo de certas serras do NW ibérico, nas serpentinas de Melide restrinxida ás zonas máis termófilas próximas ao val do río Ulla.
- Sagina merinoi. Endemismo de serpentinas e outras rochas ultrabásicas de Galicia.
- Alyssum serpyllifolium, Seseli montanum subsp. peixotoanum, Aster aragonensis, Noccaea caerulescens, Ionopsidium abulense, entre outras, moi escasas en Galicia.
Finalmente, na parcela de uso industrial encóntranse as únicas poboacións coñecidas na Ulloa de certas plantas como a orquídea Platanthera bifolia ou a umbelífera Margotia gummifera.
SANTOLINA MELIDENSIS
ARMERIA LANGEI
LEUCANTHEMUM GALLAECIUM
CENTAUREA GALLAECICUM
ASPLENIUM ADIANTUN-NIGRUM CORUNNENSE
GALATELLA ARAGONENSIS
SPIRANTHES AESTIVALIS
ARMERIA LANGEI
ODONTITELLA VIGATA
Fauna
Na parcela de uso industrial tamén se encontran poboacións de numerosas especies de animais catalogados ameazados en Galicia (Decreto 88/2007). Entre os invertebrados, destacan o caracol Elona quimperiana e a bolboreta Zerynthia rumina. ambas En perigo de extinción; o caso da volvoreta supón unha poboación illada do resto da súa área de distribución; tamén a lesma Geomalacus maculosus, catalogada Vulnerable.
En canto aos anfibios, catro especies na “parcela” están listadas na categoría Vulnerable no Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia: a salamántiga rabilonga (Chioglossa lusitanica), a rela (Hyla molleri) e as rás patilonga (Rana iberica) e vermella (Rana temporaria parvipalmata).
Especial interese ten o grupo das aves, nomeadamente aquelas propias de hábitats abertos, grupo en importante declive en Galicia, España e Europa. Entre elas, dúas catalogadas Vulnerable en Galicia: a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (C. cyaneus). Tamén oito especies avaliadas En Perigo no recente Libro Rojo de las Aves de España (2021), a gatafornela máis paspallás, picapeixe, falcón pequeno, lagarteiro, picanzo meridional, papuxa do mato e escribenta amarela, e outras sete avaliadas Vulnerable. E até 18 especies incluídas no Anexo I da Directiva 2009/147CE, para as cales é preciso declarar Zonas de Especial Protección, entre as que destaca o peneireiro cincento (Elanus caeruleus), única localidade de cría regular en Galicia durante os últimos anos.
ASIO FLAMMEUS
ZERYNTHIA RUMINA
ANTHUS TRIVIALIS
CIRCUS CYANEUS
ELANUS CAERULEUS
COENAGRION MERCURIALE
MACROMIA SPLENDENS
PILLARAS
MARGARITIFERA
MILVUS MILVUS
ARDEA PURPUREA
SEOANE
LESTES
HYLA MOLLERI
ALAUDA ARVENSIS
En definitiva, unha área de excepcional interese para a conservación da biodiversidade, no só en Galicia, senón no ámbito mundial. A Unión Europea pretende deter en 2030 a perda de biodiversidade polo importante papel que xoga na propia supervivencia humana e no noso patrimonio natural.
Actuacións como a implantación da celulosa de ALTRI-GREENALIA en Remonde e Ramil (Palas de Rei), sumado aos efectos da contaminación no río Ulla e os efectos da eucaliptización das comarcas próximas, afectaría moi gravemente ao estado de saúde ambiental da Galicia central e camiñaría en contra dos obxectivos na materia da UE.