A Plataforma Ulloa Viva reúnese coa Ministra de Sanidade e recibe o seu apoio fronte ao proxecto de ALTRI

Trasladouse a profunda preocupación social e ambiental ante o proxecto industrial da empresa ALTRI

A Plataforma Ulloa Viva reúnese coa Ministra de Sanidade e recibe o seu apoio fronte ao proxecto de ALTRI

Unha delegación da Plataforma Ulloa Viva, formada polas representantes Raquel Fernández e Alicia Vilar, mantivo este mércores unha reunión coa Ministra de Sanidade, na que se trasladou a profunda preocupación social e ambiental ante o proxecto industrial da empresa ALTRI, que pretende instalar unha macrocelulosa na comarca da Ulloa.

Durante o encontro, a Ministra expresou o seu respaldo ás demandas da veciñanza da Ulloa, recoñecendo a lexitimidade da loita social pola defensa da saúde, a terra e a auga. A representante do Goberno amosouse sensible ao impacto que un proxecto destas características pode ter sobre a saúde pública e o medio ambiente.

Raquel Fernández e Alicia Vilar, en representación da Plataforma Ulloa Viva, valoraron moi positivamente este achegamento institucional:

“É esencial que os poderes públicos tomen conciencia do que está en xogo: o futuro das nosas comarcas e a saúde das persoas. A visita á Ministra foi un paso máis para facer valer os nosos dereitos.”

Desde Ulloa Viva considérase fundamental que o Goberno do Estado escoite as voces dos territorios ameazados por proxectos contaminantes. A loita contra ALTRI é tamén unha defensa do dereito á saúde, á vida e á continuidade das comunidades rurais.

A Plataforma anima á cidadanía a seguir colaborando na campaña de financiamento colectivo activa en Goteo.org, que busca dotar de recursos á defensa xurídica das veciñas.

Creado o: 20/06/2025 | Etiquetado en: 2025 Xuño