A Plataforma Ulloa Viva solicita do Ministerio de Cultura un informe de valoración sobre o impacto de Altri no valor universal dos bens declarados patrimonio da humanidade do Camiño de Santiago

A Plataforma traslada ao Ministerio de Cultura o expediente íntegro de Altri.

A Plataforma Ulloa Viva solicita do Ministerio de Cultura un informe de valoración sobre o impacto de Altri no valor universal dos bens declarados patrimonio da humanidade do Camiño de Santiago

Tal e como consta nunha resposta parlamentaria no Congreso, e a pesar de reiteradas solicitudes, a Xunta non remitíu ao Ministerio a documentación e informes emitidos sobre o impacto patrimonial da
macro-celulosa.

A Plataforma Ulloa Viva presentou esta mañá un escrito dirixido ao Ministerio de Cultura aos efectos de que por parte dos servizos técnicos de dito Ministerio se emita informe de valoración sobre o impacto patrimonial do proxecto Altri sobre o Valor Universal Excepcional dos bens declarados Patrimonio Mundial-Camiño de Santiago.

Dito Ministerio é competente para a emisión de tal informe de avaliación aos efectos do seu posterior traslado á Unesco e incorporación aos informes periódicos de seguemento de dito ben Patrimonio da Humanidade e conforme á Convención de Patrimonio Mundial da Unesco.

En dito escrito da Plataforma ponse a disposición do Ministerio de Cultura o expediente íntegro do proxecto Altri, no que, entre outros, figuran os distintos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) da Xunta así como os informes externos presentados por Greenfiber e que fundamentaron o informe final da DXPC e, ao cabo, a Resolución de Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

A Plataforma fai constar ao respecto que, tal e como figura nunha resposta parlamentaria do goberno e publicada recentemente no Boletín Oficial das Cortes o Ministerio de Cultura solicitou “reiteradas veces” á Xunta información do proxecto, a pesar do cal a Xunta non lle enviou dita información, a pesar de que o Ministerio de Cultura debe realizar un informe de valoración sobre os proxectos que poidan ter un impacto potencial sobre os bens declarados Patrimonio da Humanidade, como é o caso do Camiño de Santiago.

O silenzo da Xunta a esa reiterada petición de documentación por parte do Minsiterio de Cultura é unha proba mais da falla de transparencia en todo o procedemento e un incumprimento flagrante do deber de colaboración institucional Xunta-Ministerio en relación cos valores de protección do Camiño de Santiago.

No escrito hoxe dirixido ao Ministerio de Cultura a Plataforma tamén reitera o feito de que o Informe final da DXPC e da propia DIA non foron precedidos de informe independente de avaliación de impacto patrimonial, tal e como demandara no seu momento Icomos-España. Ao contrario, os informes (de impacto visual e patrimonial) que fundamentaron o informe final da DXPC (incorporado á DIA) foron informes de parte, contratados e pagados por Altri, á marxe de Icomos (entidade que publicamente se desmarcou dos mesmos).

Creado o: 29/05/2025 | Etiquetado en: