Saúde

SAÚDE

EFECTOS SOBRE A SAÚDE HUMANA DO PROXECTO GAMA

Contaminación atmosférica

O proxecto emitiría contaminantes atmosféricos que afectarían en maior medida ás persoas situadas nunha área de 400 km2 arredor da fábrica, área que inclúe, alén dos tres concellos da Ulloa, os municipios de Melide, Agolada e Santiso, que reúnen 26.000 habitantes. Ademais, a afectación da contaminación atmosférica é global, pola contribución ao cambio climático, a través da emisión de gases de efecto invernadoiro. Entre outros, a empresa estima unhas emisións procedentes de vehículos e do funcionamento da fábrica de:

  • 13.668,12 toneladas (t)/ano de dióxido de carbono (CO2)
  • 62,12 t/ano de óxido de carbono (CO)
  • 2.243 t/ano de óxidos de nitróxeno (NOx)
  • 252 t/ano de material particulado (PM10)
  • 577,58 t/ano de óxidos de xofre (SOx)
  • 53 t/ano de sulfuro de hidróxeno (H2S)

Ademais das emisións declaradas pola empresa na AIA, as industrias de pasta de papel emiten outros moitos compostos que poden supor un risco para a saúde, incluíndo metáis pesados, compostos orgánicos persistentes, gases de efecto invernadoiro, substancias acidificantes, pesticidas e outras. O Rexistro Estatal de Emisións inclúe algúns como amoníaco, cadmio, mercurio, compostos orgánicos volátiles distintos do metano e metano. En principio, o proxecto Gama non emitirá dioxinas e furanos, compostos moi tóxicos para o ambiente e a saúde humana. Segundo a AIA, o proxecto utilizará un proceso de branqueo TCF (Total Chorine Free), que non usa ningún composto ou derivado do cloro. Os produtos usados son peróxido de hidróxeno, osíxeno e ozono.

Na AIA afírmase que non existe un impacto significativo sobre a calidade do ar. Con todo, os datos e estudos aportados na AIA teñen limitacións graves e infraestiman a contaminación xerada, polo que a calidade do ar sería inferior ao que se reflicte. É posíbel que se incumpran os obxectivos de calidade do ar para a protección da saúde das normativas e recomendacións actuais, especialmente os establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), así como os regulados pola recente Directiva (UE) 2024/2881 do Parlamento Europeo e do Consello, que son máis restrictivos que a lexislación estatal vixente. Varios valores do estudo da calidade do ar, previo ao proxecto na zona xa superan ou se encontran perto do límite do establecido pola OMS, como as PM2,5, PM10, e ozono.

A contaminación do ar é o determinante ambiental máis importante para a saúde, sendo responsábel de aproximadamente 6,6 millóns de mortes ao ano en todo o mundo. Os contaminantes referidos nas emisións son causa directa de mortalidade por todas as causas e de mortalidade e morbilidade por enfermidades específicas : cardiovasculares, respiratorias e cancro de pulmón. Ademais, teñen un efecto indirecto sobre a saúde das persoas a través do efecto invernadoiro, aumentando así as enfermidades transmisíbeis e non transmisíbeis, e o número de mortes asociadas á calor.

Contaminación da auga

O proxecto precisa extraer 46 mil m3/día de auga do río Ulla, ao que posteriormente verterá 50 m3/día de efluentes de orixe sanitaria e 30 mil m3/día de efluente industrial, nun punto situado a 2 km río arriba do encoro de Portodemouros, entre Pontevedra e a Coruña. Entre outros, emitiríanse :

  • 3,2 mg/l de amonio, que para o caudal máximo de vertido serían 96 kg/día
  • 15 mg/l (450 kg/día) de nitróxeno total
  • 44 mg/l (1.320 kg/día) de nitrato
  • 1,86 mg/l (55,8 kg/día) de fósforo total
  • 1,88 mg/l (56,4 kg/día) de fosfatos
  • 2000 mg/l (60.000 kg/día) de sulfatos
  • 8 mg/l (240 kg/día) de osíxeno disolto

Os datos e estudos aportados na AIA teñen limitacións graves que infraestiman a contaminación xerada, polo que a calidade da auga sería inferior ao que se reflicte. Por un lado, isto incrementa o risco de proliferación de cianobacterias perigosas para a saúde humana, evento que xa acontece periódicamente no encoro de Portodemouros, con niveis superiores aos establecidos como seguros. As cianotoxinas teñen diferentes efectos na saúde, entre os que se encontran os problemas gastrointestinais, irritación da pel, ollos, ouvidos e tracto respiratorio, e reaccións alérxicas.

Os efectos da saúde máis graves inclúen dano hepático e renal, neurotoxicidade e posíbel desenvolvemento tumoral. Por outro lado, os contaminantes emitidos poden afectar directamente á saúde, se se atopan en concentracións elevadas, nomeadamente os nitritos, ou ás propiedades organolépticas da auga de consumo.

Contaminación acústica

O proxecto emitirá unhas presións máximas de ruído durante a fase de explotación, que van desde 40 até 110 decibelios ponderados (dBA), a maioría situadas entre 70-85 dBA. En conxunto, calcúlase unha emisión de ruído equivalente a 92 dB. Os datos e estudos aportados na AIA teñen limitacións graves que infraestiman o nivel do barullo arredor da fábrica. É probábel que, para as localidade máis próximas á fábrica e á súa vía de acceso, se superen os valores límite de ruído para a protección da saúde establecidos pola OMS ou mesmo os regulados na lexislación estatal.

A exposición crónica ao barullo ambiental pode producir : alteracións crónicas do soño;perda auditiva, zunido; enfermidades cardiovasculares e metabólicas;problemas de saúde mental; deterioro cognitivo, alteracións no desenvolvemeneto, dificultade para a concentración e comunicación.

Saúde en persoas traballadoras neste tipo de industria 

Greenfiber S.L., a través do informe AIA, declara que se crearán 2.500 postos de traballo para o funcionamento da fábrica, incluíndo traballadores forestais, equipas industriais directas e terceiros. A empresa non informou en ningún momento, nin a través da AIA, nin en roldas de prensa, das posíbeis exposicións a contaminantes durante as horas de traballo, nin cantos traballadores estarían expostos.Canto ás medidas de protección que se utilizarían, só atopamos referencias vagas e pouco precisas, polo que non é posíbel analizar se estas son adecuadas e suficientes.

A revisión sistemática indica que existe evidencia científica suficiente para establecer unha relación entre traballar nunha industria de celulosa e unha ampla faixa de patoloxía :

  • - Aumento da mortalidade cardiovascular, principalmente en forma de infarto de miocardio.
  • - Aumento e empioramento de enfermedades respiratorias crónicas como a asma e EPOC.
  • - Aumento de enfermidades oncolóxicas, nomeadamente neoplasias hematopoiéticas (leucemias e linfomas)e cancro de pulmón, ainda que se teñen descrito unha enorme variedade de tumores.

Canto á etiopatoxenia desas enfermidades, os estudos máis antigos apuntaban a substancias como o amianto e os compostos organoclorados, que xa non se van utilizar na fábrica de Altri. Mais algúns estudos relacionan a exposición a compostos derivados do xofre, como sulfitos e sulfatos, así como ao po da madeira ou papel e outras partículas pequenas, como causantes das ditas enfermidades, que sí van estar presentes nos departamentos de produción.

 A limitación principal ten sido non atopar estudos recentes realizados en territorio español, malia termos exemplos similares funcionando na actualidade.

Confereracións Hidrográficas

Situaráse dentro de Galicia-Costa

Cunca do Ulla

A captación e vertido farase sobre o río Ulla, que nace na Ulloa e desemboca na ría de Arousa

Masa de auga

A captación será sobre o embalse de Portodemouros a 12.5 km da fábrica

Conclusións e recomendacións

 

1. A contaminación atmosférica, da auga e acústica resultante da hipotética fábrica de Altri, tería efectos negativos na saúde das persoas, en primeiro lugar, dos viciños da comarca da Ulloa e da ría de Arousa, mais tamén de todo o territorio español e a nivel internacional, a través do cambio climático.

2. Tal e como suxire na lexislación vixente á vista dos resultados do cribado da Avaliación do Impacto na Saúde, recomendamos realizar unha Avaliación do Impacto na Saúde profunda. Ademais, recomendamos que se inclúa unha avaliación dos riscos para a saúde física das substancias contaminantes previstas no proxecto.

3. Dada a gravidade dos previsíbeis impactos na saúde, e a distribución desigual dos mesmos entre os diferentes grupos sociais, recomendamos paralizar o progreso do “Proxecto GAMA” como mínimo até que se faga un estudo detallado e se resolvan os impactos negativos na saúde e os seus determinantes. Tendo isto en conta, e ante a incerteza da magnitude e impacto da contaminación xerada polo proxecto, as administración públicas deben acollerse ao principio de precaución regulado na Lei 33/2011, do 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública, e cesar no desenvolvemento do proxecto, polo menos até que se produza suficiente evidencia sobre os riscos para a saúde e se mostre garantía de protección da saúde dos habitantes das comarcas afectadas.

4. Consideramos que o “Proxecto GAMA” supón unha oportunidade para dinamizar unha regulación da normativa estatal, de maneira que se inclúa a obrigatoriedade de realizar un informe de Avaliación de Impacto na saúde de proxectos industriais que por lei precisan dunha Autorización Ambiental Integrada, así como de proxectos doutros sectores (urbanístico, etc.) co potencial de influir na saúde das persoas, desde o punto de vista físico, psíquico ou social. Dita AIS debe contar coa participación das administracións responsábeis e dos representantes sociais locais, así como da empresa responsábel, mantendo un diálogo flúido e informado. Así, suxerimos incluílo no Proxecto de Lei polo que se modifican diversas normas para consolidar a equidade, universalidade e cohesión do Sistema Nacional de de Saúde.

5. Á luz dos avances tecnolóxicos da industria celulósica nas últimas décadas e da incertidume dos riscos que pode supor para a saúde, e a ausencia de estudos recentes ao respecto, nomeadamente no noso territorio, é necesario promover a producción de evidencia científica actualizada sobre a saúde laboral das persoas traballadoras da industria de papel e da celulosa, así como de estudos comunitarios sobre a saúde das persoas que moran perto deste tipo de industrias.