"2060: A Ulloa que ven", un tour performativo de Concomitentes

"2060: A Ulloa que ven", un tour performativo de Concomitentes

Convidámoste, o próximo 28 de xuño, en Palas de Rei (Lugo), a “2060: a Ulloa que xa vén”, unha acción performativa coa que emularemos un tour guiado pola Ulloa do 2060, nun futuro no que Altri non se instalou e no que a comarca se afianzou como referente en sostibilidade, soberanía alimentaria, innovación e diversidade. Con esta acción amosaremos a que dicimos si cando dicimos Altri Non.

Á actividade acudirán persoas dos eidos agrogandeiro, cultural, político e académico tanto de nivel galego coma estatal.

En que consistirá?

Unha guía turística, interpretada por Mónica García, da compañía teatral Chévere, acompañará no traxecto en bus e iremos facendo paradas en distintos lugares da comarca para comprender como se vive na Ulloa do 2060 coa que especulamos dende Os contos do leite, un proxecto cultural de Concomitentes. A xornada comezará coa partida do bus dende Palas de Rei ás 10:30h e rematará cunha comida compartida en Do Picho (Filgueira, Lugo).

Somos máis

Como di Yayo Herrero, “hoxe, o que está en xogo é a supervivencia en condicións dignas da maioría”. Non teremos os medios nin o poder político que ten Altri do seu lado, pero somos máis e somos quen de imaxinar futuros desexables nos que caibamos todas. Con esta acción artística queremos chegar ás persoas non convencidas e a todas aquelas que non lles convence a proposta de Altri pero que senten que non hai outra alternativa.

Por que queremos que veñas?

Fronte aos escenarios de non futuro e inevitabilidade cos que nos bombardean constantemente, queremos espallar unha mensaxe de posibilidade, futuro e vida boa para A Ulloa e Galicia. O futuro non está escrito, escribímolo todas e todos. Axudaríanos moito contar coa túa presencia para espallar as ideas de futuro desexable que se enunciarán no tour.

Quen está detrás desta iniciativa?

Os contos do leite é un proxecto de arte participativa de Concomitentes, unha organización que promove a produción de obras de arte conectadas co seu entorno social. Neste proxecto participan veciños e veciñas da Ulloa vencelladas á Plataforma Ulloa Viva, ao sector lácteo e tamén ao entramado cultural da Ulloa. Os contos do leite está mediado por Ana Moure e Ana Escariz.

Como anotarse?

Enviando un correo electrónico a ana@concomitentes.org ou chamando ao 607060284.