Dende o momento no que se coñeceron, a través da prensa, os plans da Xunta de Galicia e da multinacional Altri para construír a macrocelulosa, a Plataforma Ulloa Viva adquiriu a responsabilidade de organizar á veciñanza, informar, traducir, sensibilizar e representar aos veciños e veciñas, así como a calquera persoa afectada por este macro proxecto, declarado pola Xunta de Galicia como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).
Defendémonos grazas a moito traballo feito de forma voluntaria. Pero agora, precisamos os recursos económicos desta campaña de financiamento colectivo para afrontar, con solvencia económica, técnica e xurídica, as diferentes accións administrativas e, sobre todo, xudiciais, que a Plataforma Ulloa Viva considere necesario emprender contra das resolucións administrativas de autorización que poidan ser concedidas á macrocelulosa, así como, no seu caso, o outorgamento de subvencións públicas á mesma. Entre as principais accións xurídicas inclúense a impugnación xudicial, como mínimo, de 3 actos administrativos: captación de augas, Autorización Ambiental Integrada (AAI) e Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).
Interporanse cantas accións administrativas e xudiciais procedan contra dos actos administrativos anteriores: recurso administrativo de alzada (contra da AAI), recursos contencioso-administrativos e demandas no Xulgado (captación de augas) e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (AAI e PIE) e, dentro deses procesos xudiciais, as solicitudes de paralización cautelar das concesións, autorizacións e proxectos, así como a elaboración de informes técnicos periciais.
Tamén, no suposto de outorgamento de subvencións públicas (quer ao amparo dos fondos de descarbonización, quer como axuda directa como proxecto importante de interese comunitario) interporanse as accións administrativas e xudiciais que correspondan.
Por último, en caso de que a deriva do proceso de Autorización Ambiental Integrada (AAI) dese lugar a que o financiamento obtido a través desta campaña non fose necesaria, levaríase a cabo un proceso participativo entre as persoas socias da Plataforma Ulloa Viva, para decidir a que proxectos do territorio destinar ditos cartos.